Ir o contido principal
dia mundial

Os anestesiólogos galegos conmemoramos o “Día Mundial da Anestesia”. 16 outubro

 

Os anestesiólogos galegos conmemoramos este 16 de outubro o “Día Mundial da Anestesia”. Neste 2020 queremos destacar a importancia de compartir consellos no traballo para evitar esgotamento e fomentar o benestar de todos os anestesiólogos. É bon que consideremos o noso benestar, porque experimentamos altos niveis de fatiga ocupacional e esgotamento e noso benestar está íntimamente ligado a seguridade do paciente. Debemos aplicarnos a mesma atención que brindamos os nosos pacientes, fomentar e aprender a habilidade do coidado persoal. 

Nesta data queremos dar a coñezer en qué consiste o noso labor como médicos especialistas en Anestesia, Reanimación e Terapia da Dor, e mostrar o noso compromiso cuns coidados perioperatorios eficientes, de calidade e seguros, nas múltiples áreas onde desenrolamos o noso traballo.

Na visión da cidadanía, o anestesiólogo é “o que pon a inxección para durmir” cando alguén vai ser operado, pero a nosa función iníciase moito antes, nunha consulta onde tratamos de valorar e optimizar a situación clínica do paciente. No acto cirúrxico, tratamos de facer insensible ó corpo á agresión cirúrxica, mantendo en todo momento os seus parámetros vitais dentro da normalidade, para finalmente espertarte sen dor e estable. Resumindo: o anestesista non é só “o que te durme”, senón tamén “o que mantén a túa vida para logo espertarte e coidarte despois da intervención”.

Somos un equipo con grande capacidade para adaptarnos aos cambios e ás condicións dos doentes. Aportamos unha visión integradora do paciente e traballamos de forma polivalente en todas estas áreas clínicas: consultas de avaliación preanestésica, anestesia en quirófanos e fora de quirófano, atención a pacientes críticos nas Unidades de Coidados Intensivos de Anestesia (tamén coñecidas como Unidades de Reanimación),  vixilancia clínica nas Unidades de Recuperación Postanestésica, atención en urxencias, transplantes, analxesia obstétrica ou tratamento da dor aguda e crónica. Estas características confírennos un papel clave dentro dos hospitais, pero os nosos coñecementos e habilidades técnicas tamén supoñen un valor engadido no ámbito extrahospitalario.

Neste día tan sinalado para o mundo da medicina, desde a Asociación Gallega de Anestesiología, Reanimación y Dolor queremos homenaxear o traballo que realizan os profesionais da anestesia en Galicia.

VIDEO: DIA MUNDIAL DA ANESTESIA. Autor: Pablo Casas

 

Neste 16 de Outubro, lembramos a primeira administración pública dunha anestesia xeral por William Thomas Morton en 1846, no Massachusetts General Hospital de Boston. Representou o inicio da cirurxía sen dor e da anestesia moderna: “pechar os ollos en paz e saber que vas a espertar”. Esta data ten unha importancia transcendental na historia da Medicina e fixo posible a realización de grandes cirurxías sen dor e que a nosa especialidade evolucionase cara ao que hoxe podemos chamar “Medicina Perioperatoria”, entendida como un sistema integral de coidados médicos, centrados no paciente, que busca ofrecer unha atención de calidade e segura, desde o momento que se indica unha intervención cirúrxica até a completa recuperación do doente.

Desde fai uns anos, grazas a unha iniciativa do Parlamento Europeo, nesta data tamén celebramos o “Día Europeo de concienciación do paro cardíaco” que ten como finalidade difundir a formación en reanimación cardiopulmonar (RCP) e a utilización precoz do desfibrilador:¡ Que mellor forma de rendir homenaxe a Peter Safar, médico especialista en Anestesioloxía, e pai das modernas técnicas de resucitación cardiopulmonar!. Esta técnica estendeuse rápidamente por todo o mundo grazas á crenza de Peter Safar  de  que as manobras de reanimación só serían eficaces se eran  populares e se ensinaban a miles de persoas.

Unha vez máis queremos destacar o importante papel dos anestesiólogos na RCP, e desde a AGARYD, unímonos á aplicación e ensinanza dos métodos que configuran a denominada “Cadea de Supervivencia”. Estender o labor de Peter Safar de ensinanza á poboación xeral das técnicas básicas de atención á parada cardíaca, podería facer reducir a súa elevada mortalidade e axudar a salvar millóns de vidas en todo o mundo.

Nesta data tan importante, tamén queremos solicitar colaboración das autoridades sanitarias (Conselleria de Sanidade, das Xerencias de Área) e das Xefaturas de Servizo para que den difusión a un fito tan importante na historia da medicina e resalcen o traballo que realizan os profesionais da anestesioloxía en Galicia e axuden a aumentar a benestar ocupacional dos profesionais da anestesioloxía.

 

Sociedade Galega de Anestesioloxia, Reanimación e Dor (AGARYD).

Comparte este artigo