Historia da AGARyD


O 7 de outubro de 1961, un grupo de anestesistas galegos celebraron unha reunión no restaurante da terminal do aeroporto de Lavacolla, actual Santiago-Rosalía de Castro, onde decidiron constituír unha asociación con fins científicos, a Asociación Gallega de Anestesiología. Elixiron como sede da mesma o Hostal dos Reis Católicos, onde organizaron a súa primeira reunión científica o 20 de xaneiro de 1962 . Nela o doutor Ramón Cobián Varela fixo un relatorio sobre o control da hemorraxia operatoria con halotano.

 

Membros fundadores da Asociación Gallega de Anestesia, reunidos no 1962, na Primeira Sesión Científica Na figura están representados a maioría dos anestesiólogos que exercían en Galicia. De pe e de esquerda a dereita: Bescansa, Dotras, Pazo, Iglesias, Blanco Rajoy, Casteleiro, Balboa, Abril, Lorenzo Lara, Cobián, Bernal, Horacio e González Ruíz. Sentados de esquerda a dereita: José Castelo Ramírez, Ángel Malvar Vilanova, Enrique Devesa Turia, María Asunción Troncoso Rozas, Otilia Castiñeiras e Ángel José López Guerrero

 

 

Varios dos primeiros integrantes da asociación asistiran aos cursos de José Miguel Martínez e mantiñan relación con el, polo que é posible que este lles transmitise a necesidade de organizarse nunha entidade científica, ao igual que se fixera a nivel español e catalán. Temos que destacar que a galega foi a segunda delegación rexional en fundarse, no 1953, despois da catalá, da que formaba parte o propio José Miguel Martínez.

O primeiro presidente elixido foi Enrique Devesa Turia. Como secretario foi nomeado o doutor Ángel José López Guerrero, exalumno seu. Consta que, inicialmente, e tras varias discrepancias xurdidas, a asociación incorpórase como sección independente dentro da Sociedade de Cirurxía de Galicia. O nome inicial foi o de Asociación Gallega de Anestesiología, que é o título que figura na primeira reunión. En documentos da asociación pódese constatar que posteriormente toma o nome de AGAR, Asociación Gallega de Anestesiología y Reanimación, pero ignoramos cando se preduce dito cambio. Por último, na súa asemblea anual do 24 de novembro de 1984, foi aprobado polos socios o cambio de nome ao de AGARYD, Asociación Gallega de Anestesiología, Reanimación y Dolor.

 

Emblema actual de AGARyD

 


Descoñecemos as normas de funcionamento da Asociación nos seus primeiros anos, xa que os estatutos dos que temos constancia son os aprobados na reunión do 9 de maio de 1984 en Pontevedra. Debido a que o resultado da votación non figura no libro de actas, estes non tiveron validez. Ante esta problemática a Xunta Directiva actualizou os estatutos, aprobándoos o 12 de novembro de 1988. Non son rexistrados na Xunta de Galicia ata o 11 de abril de 1991. Con estes estatutos estivo gobernada a sociedade ata o ano 2020, no cal se produce unha modificación dos mesmos para adaptalos aos tempos actuais e á realidade sanitaria de Galicia, sendo aprobados na Asemblea Anual do 26 de setembro de 2020.

 

  1. Período 1962-1974

 

No período comprendido entre 1962 e 1974 celebráronse trinta  reunións. Inicialmente foron tres por curso, sendo as primeiras en Santiago de Compostela e trasladáronse posteriormente a outras vilas e cidades. A maiores van acudindo invitados de prestixio como oradores, destacando a visita no 1968 de José Miguel Martínez, na cal fixo unha presentación da evolución histórica da anestesia. Foi un acontecemento de grande importancia recollido pola prensa local. Nese momento era o presidente da SEDAR, e reafirma á delegación galega como pioneira en España despois da catalá. Ademais atópase cos anestesistas galegos formados por el nos seus cursos, como Balboa Troiteiro, Bescansa e moitos outros. Neste período tamén se celebraron tres edicións das “Xornadas Luso-Galaicas de Anestesia e Reanimación”. A primeira edición tivo lugar o 21 e 22 de maio do 1972 no Hospital de San João do Porto, a segunda o 26 de maio de 1973 no Hostal dos Reis Católicos de Compostela e a terceira o 18 de maio de 1974 no Hotel Parque de Viana do Castelo.

Na Táboa I refléxanse os órganos de goberno da AGARYD, 

Órganos de Goberno da AGARyD

 

I Jornadas Luso-Galaicas de Anestesia y Reanimación (21-22 maio 1972, Porto)

Mesa redonda: Temas actuales en anestesia. Moderador: Ricardo Díaz Casteleiro

  • Perspectivas actuales del uso de la anestesia disociativa. G. Szappanyos (Xenebra)
  • La curarización en la práctica de la anestesia actual. Vasco Costa (Porto)
  • Nuevos anestésicos locales. Antonio Pazo Álvarez (Vigo)
  • Nuevos anestésicos por inhalación. Ruy de Oliveira (Porto)
  • Interacciones medicamentosas en Anestesia. Allen B.Dobkin (Nova York). 

Mesa redonda: Temas actuales en Reanimación. Moderador: Armando Pinheiro

  • Toxicidad del oxígeno. Carlos S. Parsley (Vigo)
  • Nociones sobre la aplicación de la oxigenación hiperbárica. Bernad Simpson (Londres).
  • Insuficiencia renal aguda en los politraumatizados. Ramón Cobián Varela (A Coruña)
  • Insuficiencia respiratoria y función rena. María Alice Cid (Porto)
  • Las hipotermias tóxicas. Louis Lareng (Toolus)
  • Valor actual de la kinesioterapia. Carlos Sousa (Porto)

II Jornadas Luso-Galaicas de Anestesia y Reanimación (26 maio 1973, Santiago)

Mesa redonda: Temas actuales en anestesia

  • Fisiología renal. Mª. Alice Cid de Pina (Porto)
  • Fisiopatología renal. José María Balboa Troiteiro (Santiago de Compostela)
  • Mecanismos de la excreción de drogas en Anestesiología. María Antonia Braga (Porto)
  • Efectos de la cirugía y de la anestesia sobre la dinámica circulatoria renal. Ruy de Oliveira (Porto)
  • Anestesia para enfermos con insuficiencia renal. José Ángel Hortas Guldrís. (Vigo).

III Jornadas Luso-Galaicas de Anestesia y Reanimación (18 maio 1974, Viana do Castelo)

Mesa redonda: Anestesia e enzimología. Moderador: Walter Osswald (Portugal)

  • Defectos encimáticos congénitos. Diego Begara Mesa (Ferrol)
  • Anestesia e inducción encimática. C. Hipólito y Mª da Graça F. Reis (Porto)
  • Efectos de los anestésicos sobre las funciones mitocondriales. F. Carballo Guerra (Oporto).
  • Efectos ultraestructurales y bioquímicos de algunos anestésicos locales sobre las biomembranas. Manuel Teixeira da Silva (Porto).
  • Hiperpirexia maligna. Álvaro Ferreira Reis (Porto)

Mesa redonda: Anestesia paciente cardiopata. Moderador: Valdemar Cardoso (Porto).

  • Definición de paciente cardíaco de grave riesgo y sus principales características clínicas. Joaquín García dos Santos. (Porto)
  • Otras afecciones de elevado riesgo, secundarias a graves afecciones cardiacas, susceptibles de crear problemas anestésicos. J. Trinidade de Oliveira (Viseu)
  • Preparación del paciente cardiaco de grave riesgo para el acto operatorio. María Armindo Rodríguez (Coimbra)
  • Drogas y técnicas anestésicas más recomendables en pacientes cardiacos de grave riesgo. Horacio Fernández Otero (Lugo)
  • Accidentes cardiacos preoperatorios, su control, diagnóstico y tratamiento. Álvaro Teixeira Lópes (Porto)
  • Repleción volémica, pre y postoperatoria. Benvindo Justiça (Porto)
  • Anestesia para la cirugía correctora de lesiones cardiacas congénitas y adquiridas. Avelino Fortes Espinheira (Lisboa)
  • Cuidados Intensivos en los pacientes cardiacos de grave riesgo .Andrés Castro Méndez (Ourense)

 

2. Período 1974-2000

No período comprendido entre o 1974 e o 2000 os anestesistas galegos tomaron importantes decisións:

  • Formación en anestesia rexional e dor, realizándose oito edicións duns cursos teórico-prácticos entre 1975 e 1995 na cidade de Ourense.
  • Formación a través dos cursos da Federación Europea para a Ensinanza da Anestesioloxía (cinco cursos FEEA).
  • Demandar a docencia de anestesia na Facultade de Medicina da USC.
  • Implicación nos órganos de goberno da SEDAR, sendo elixido o doutor Ramón Cobián Varela como vicepresidente primeiro da mesma.
  • Fomentar a investigación: creación dun premio anual e numerosas publicacións científicas.
  • Apostar polo intercambio científico, con oito edicións das Xornadas Galaico-Portuguesas e catro Castelán-Leonesas-Galegas.
  • Dar a coñecer a historia da nosa especialidade coa creación do Museo Nacional da Anestesia.

 

No ano 1975 destacamos a demanda da creación dunha praza de profesor asociado de anestesia e a petición de ser ocupada a vicepresidencia primeira da SEDAR polo doutor Ramón Cobián Varela. No 1978 o doutor Vicente Ginesta Galán propuxo a creación dun museo de anestesioloxía, sendo aprobada a iniciativa nese mesmo ano. Un ano despois, no 1979, creouse dentro da Xunta Directiva a vogalía MIR, con dereito a voz e voto. Non sería ata o ano 1982 cando se ocupara por primeira vez por un residente, o doutor Gerardo Baños. Coincidindo co vixésimo aniversario da creación da AGARYD, inaugurouse o 31 de outubro de 1981 o Museo Nacional de Anestesioloxía e Reanimación, o cal tivo como primeira sede o Colexio de Médicos de Santiago de Compostela. Cando o Ano Santo de 1982, organizouse unha recepción institucional do Presidente da SEDAR e Xunta Directiva da AGARYD previa á “Peregrinación Nacional”, e un grupo de anestesistas de Compostela son os encargados da xestión da UVI móbil durante a visita Papal.

 

 

Recepción institucional no Ano Santo de 1982. De esquerda a dereita: Juan Abalo, Andrés Castro, Felipe Nalda, Fernández Albor (Presidente da Xunta de Galicia e cirurxián), Ramón Cobián, Chuliá Campos e López Guerrero

 

 

 En 1986 celébranse as vodas de prata da Sociedade. O ano seguinte a Xunta Directiva decide crear subdelegacións en Burela, Monforte de Lemos e no Barco de Valdeorras. No 1988 aprobáronse os novos estatutos e acordouse a federación da AGARYD coa SEDAR. No ano 1990, tómanse dúas importantes decisións a proposta do doutor Julián Álvarez Escudero: establecer a vía MIR como a única para exercer a profesión e solicitar para Galicia o Congreso Nacional posterior ao de Barcelona en 1992. Trala negativa a este congreso e outras posteriores, houbo que esperar ata os nosos días para a celebración do primeiro Congreso da SEDAR en Galicia que terá lugar este ano 2021. Outro ano de relevancia foi o 1991, no cal foron legalizados os Estatutos da Sociedade coa súa inscrición no rexistro da Xunta de Galicia. En 1993 celébrase o primeiro curso da FEEA en Tui, tendo continuidade nos anos 1995 e 1996. Por último, en 1997 tivo lugar un acontecemento de grande importancia, a celebración en Santiago de Compostela dun evento internacional sobre a historia da anestesia, “The Anesthesiologys Way from XIXth to XXIst”, á cal acudiron figuras da anestesioloxía de gran recoñecemento a nivel mundial.

 

 

Principais órganos de gobernación no período 1974-2000

 

3. Período 2000-2021

Nos últimos anos do século XX e os primeiros do XXI a Sociedade estivo pouco activa, sen un liderado claro e sen proxectos científicos salientables. A maiores, no 2003, a Xunta Directiva entrante presidida polo doutor Alberto Pensado, atópase coa tesouraría case baleira debido a que nos últimos anos non se cobraron as cotas aos socios.

Unha das apostas do novo equipo directivo foi a formación continuada dos adxuntos, xunto co fomento da participación do maior número de profesionais galegos na AGARYD. Froito deste traballo de captación de socios, na reunión anual de 2004 infórmase da incorporación de cincuenta novos inscritos. No 2003 retómanse os cursos de anestesia locorrexional e tratamento da dor iniciados no anterior período, celebrándose a IX edición en Ourense. Tamén se continúa coa celebración dos cursos da FEEA, tendo lugar o segundo ciclo deles na Illa da Toxa en novembro de 2004. Outra actividade realizada foi a organización dunha mesa redonda en Pontevedra para debater sobre a situación da CMA (cirurxía maior ambulatoria) nos diferentes hospitais de Galicia nesa época. Ao final dese ano nunha das Xuntas Directivas, varios membros mostran o seu descontento coa docencia e titores dos residentes, polo que se acorda nomear un delegado en cada hospital que tivese residentes formándose. Na asemblea anual do 2005 celebrada en Lugo, decídese elaborar un documento científico sobre a analxesia para o traballo de parto, para o cal se constitúe un grupo de traballo de todos os hospitais de Galicia. Coincidindo co “X Curso de Anestesia locorrexional e tratamento da dor” no 2006, realízase unha mesa redonda sobre a analxesia obstétrica. Posteriormente, na asemblea anual, foi presentado e aprobado o “Documento de Consenso da AGARYD sobre Analxesia Obstétrica”. Outro importante grupo de traballo constituído foi o dedicado ao consentimento informado, no 2007.

En relación coa formación dos residentes tiveron lugar varios feitos: por un lado decídese incorporar unha terceira vicepresidencia que será a responsable de docencia dos residentes. Por outro, en 2006 comeza un evento moi importante para o futuro da sociedade, a “I Reunión de residentes de Galicia”, que tivo lugar en Compostela. No 2007 terán continuidade celebrándose a II e III reunións, tamén en Compostela. Nelas tratarase o manexo da sepse e o shock séptico. A maiores, seguirase coa formación continuada apostando polas IX xornadas anuais GIEMSA sobre “Actualización en anemia e medicina transfusional perioperatoria”, e co terceiro ciclo dos cursos FEEA, “Coidados críticos, medicina de emerxencias, sangue e transfusión”, na Illa da Toxa.

No ano 2008 leváronse a cabo dúas medidas moi importantes. Creouse a páxina web da AGARYD, e púxose en marcha o “Curso de formación de residentes de anestesioloxía e reanimación”. Este curso, que aínda persiste hoxe en día, estruturouse en dous niveis: R1-R2 e R3-R4. Co paso dos anos foi sufrindo modificacións, pasando de ser moi teórico a eminentemente práctico, acorde coas demandas que foron xurdindo entorno ao programa de formación dos residentes.

Tras oito anos da xestión do doutor Alberto Pensado, no 2011 cambia a dirección da sociedade, sendo elixido presidente o doutor Rafael Cabadas. Foi o ano das vodas de ouro da AGARYD, celebrándose os 50 anos da asociación cunha homenaxe aos seus fundadores na reunión anual. Nesta etapa mantense a aposta pola formación continuada, dándolle un forte impulso con varias actividades: cursos de anestesia rexional ecoguiada,  cursos de manexo da vía aérea, cursos de simulación, curso teórico-práctico de técnicas de depuración extracorpórea, curso de doazón de órganos, curso sobre doazón en asistolia, etc. Tamén se obteñen resultados dos grupos de traballo formados, cos documentos sobre “Consentimento informado” e “Probas perioperatorias en procesos de alto volume e baixa complexidade”, ambos aprobados sen alegacións. Outro debate xurdido neste momento tratou sobre a sedación por non anestesiólogos, no cal a AGARYD participou de maneira activa na elaboración desde a SEDAR dun documento ao respecto.

O 23 de marzo do 2019 foi elixido como novo presidente da AGARYD o doutor Servando López Álvarez. A liña de traballo segue a anterior, apostando pola formación continuada e cun novo plan bianual de formación dos residentes. Un dos puntos claves foi a reforma dos estatutos presentados e aprobados na asemblea anual o 26 de setembro do 2020. Os anteriores estatutos seguían vixentes desde o 1988, polo que con este cambio adáptanse á realidade actual da sanidade galega. Non podemos obviar que este período estivo e está marcado polo comezo da pandemia mundial pola COVID-19, con todas as implicacións e cambios que produciu. Serviu de impulso para darlle visibilidade institucional e entre a cidadanía ao traballo das e dos anestesistas na área de coidados do paciente crítico, tanto no coidado poscirúrxico como no médico. Outro punto a destacar foi elaboración de dous importantes documentos: “Predición, rexistro e alerta da vía aérea difícil no Servizo Galego de Saúde” e “Xestión da cirurxía de cataratas nos servizo públicos de saúde de Galicia”, ambos remitidos á Consellería de Sanidade. Tamén se participou na elaboración do documento “Plan galego para a optimización da Terapia Nutricional especializada no paciente crítico”.

Previo ao inicio da pandemia, a organización do XXXV Congreso Nacional SEDAR foille concedida a Galicia. Xa en plena pandemia, a AGARYD, en colaboración co Comité Científico Permanente, elabora o programa científico do Congreso e pon en marcha a maquinaria para celebrar dito evento en Santiago de Compostela os días 21,22 e 23 de abril de 2022.

 

Congreso SEDAR 2022 Santiago de Compostela

 

 

Podemos resumir os fitos importantes do período 2000-2020 nos seguintes:

  • Fomento da participación e implicación do maior número posible dos anestesistas galegos na AGARYD.
  • Aposta pola formación continuada dos adxuntos a través de cursos, congresos e a reunión anual.
  • Inicio dun programa de formación de residentes.
  • Aposta pola creación de grupos de traballo para elaborar documentos consensuados sobre temas de interese.
  • Fomento da investigación e publicación científicas.
  • Reforma dos Estatutos da Sociedade para adaptalos á actualidade.
  • Profesionalización da Sociedade, coa contratación dunha Secretaria Técnica.

 

Principais órganos de gobernación no período 2002-2020